Traballo escravo na India: catro grandes empresas españolas están na “lista negra”

07/03/2015
By

Traballo escravo na India: catro grandes empresas españolas están na “lista negra”

Salarios de 1,3 euros diarios por 68 horas de traballo á semana, sen contrato, nun ambiente insalubre, sen dereitos básicos.

Salarios de 1,3 euros diarios por 68 horas de traballo á semana, sen contrato, nun ambiente insalubre, sen dereitos básicos como a prestación en caso de enfermidade ou a afiliación sindical, en réxime de privación de liberdade… Ese segue sendo o lóbrego escenario laboral ó que se enfrontan de forma cotiá ducias de miles de nenas e adolescentes, moitas delas de apenas 15 anos, no estado indio de Tamil Nadu, ó sueste do coloso asiático. Todas esas mozas, que representan o 60% dos máis de 400.000 traballadores do sector, son empregadas en condicións que rozan a escravitude por megafactorías téxtiles que subministran os seus produtos ás grandes firmas de moda internacionais, entre elas as españolas Zara e Bershka (Inditex), El Corte Inglés, Cortefiel e Carrefour España.

Non son as únicas. Xigantes como Primark, Calvin Klein, , Walmart, Mothercare, H&M, C&A, ou Timberland, entre outras, tamén obteñen pingües beneficios da presunta rede de traballo escravo que ten o seu epicentro nas vastas factorías téxtiles do sur da India, coa súa produción, que non se detén ningún dos 365 días do ano, chega ás tendas de roupa máis coñecidas en tódolos currunchos do planeta.

Así revélao un novo e exhaustivo informe do prestixioso Centre for Research on Multinational Corporations, unha organización independente holandesa sen ánimo de lucro que escruta os estándares éticos das grandes multinacionais, que destapa unha vez máis, a explotación vencellada ó comercio téxtil.

O informe, titulado Flawed Fabrics (Tecidos defectuosos) e datado o pasado mes de outubro, volve a sacarlle ás cores a algúns dos principais xigantes mundiais da moda por beneficiarse das “graves violacións dos dereitos humanos e laborais” de ducias de miles de nenas e adolescentes indias que son “atraídas mediante enganos e falsas promesas” ás case 1.600 factorías téxtiles que inundan Tamil Nadu, un dos maiores centros mundiais de fabricación e distribución de prendas de vestir, onde traballan en “condicións espantosas que equivalen a traballos forzados”.

Algunhas das firmas máis coñecidas mundialmente caeron da lista negra, entre elas Tommy Hilfiger ou Marks&Spencer, que si aparecían no informe anterior, de 2011, titulado Captured by Cotton (Atrapadas no algodón). Naquel documentado estudo, elaborado en colaboración co India Committee of the Netherlands, unha ONG holandesa impulsora da campaña Clean Clothes (Roupas Limpas), relatábase o proceso de recrutamento laboral de ducias de miles de mozas indias de entre 14 e 20 anos, a maioría delas pertencen a casta dos Dalits, a máis baixa do país, considerada impura e adicada a tarefas marxinais con míseros salarios.

O novo informe co Centre for Research on Multinational Corporations é o resultado dunha exhaustiva investigación de tres anos que inclúe entrevistas sobre o terreo a 151 traballadoras a cambio de anonimato. Unha das cinco megafactorías estudadas, a Super Spinning Mills Ltd. subministra toneladas de fío de algodón producido en condicións de Escravitude a varias compañías con sede na veciña Bangladesh, entre elas Cotton Club, propiedade de Mondol Group e Fariha Knit Tex, pertencente ó Grupo Asrotex. Estás últimas son dúas dos principais provedores de Zara e Bershka, do xigante Inditex, El Corte Inglés, Cortefiel e Carrefour España.

O estudo lamenta a “alarmante falla de transparencia” tanto dos produtores de Tamil Nadu como das firmas intermediarias e as compradoras finais, e enfatiza que estas últimas “apenas proporcionan información acerca dos seus provedores, o que fai moi difícil esixir responsabilidades” ás compañías occidentais sobre as “violacións” cometidas nas súas “cadeas de subministro”. Os autores do informe consideran que a responsabilidade das grandes firmas de moda “estendese máis alá dos seus provedores de primeiro nivel, ata os segundos e terceiros niveis” incluíndo as macrofactorías de Tamil Nadu.

Un portavoz de Inditex asegurou a El Confidencial que “non existe a relación mencionada no informe de ningún dos nosos provedores con Super Spinning Mills, Inditex obrigou hai xa tempo a Cotton Club, a compañía de Bangladesh responsábel, segundo o informe, de contratar con Super Spinning Mills, a interromper inmediatamente calquera relación con esta compañía india”. Sen embargo, a propia web de Mondol Group, propietaria de Cotton Club, cuestiona esa versión. Nela se informa que, entre os seus principais clientes, figuran Zara e Bershka (Inditex), ademais de Cortefiel e El Corte Inglés.

Pola súa banda, fontes de El Corte Inglés sinalaron que esta empresa “traballa activamente para fomentar e garantir o cumprimento dos dereitos humanos e laborais nas empresas provedoras. Para iso contamos con códigos de conduta obrigatorios que se enmarcan nas convencións fundamentais da Organización Internacional do Traballo (OIT). O noso sistema de homologación de provedores inclúe auditorías sociais realizadas ó abeiro do sistema BSCI (Business Social Compliance Iniciative) que toma como referencia as citadas convencións da OIT”.

Un portavoz oficial de Cortefiel sinalou que a compañía “rexeita calquera forma de traballo que sexa contraria ós dereitos humanos” e asegurou, sen maiores precisións, que “a verificación externa dos nosos provedores é a mellor do mundo” Carrefour España, pola súa banda, rexeitou ofrece-la súa versión.

tamilnaduO informe detalla como os “recrutadores” das macrofactorías téxtiles de Tamil Nadu se trasladan ás áreas máis pobres e deprimidas dese Estado indio “para convencer ós pais de que envíen as súas fillas” a eses centros de traballo escravo “con promesas dun bo salario, hospedaxe confortábel, tres comidas ó día e oportunidades de escolarización, así como unha paga extra ó cabo de tres anos de traballo” para costea-la súa dote e contraer matrimonio. Pero, unha vez recrutadas, a realidade que atopan é “espantosa”.

Fonte: http://www.elconfidencial.com/espana/2015-02-04/trabajo-esclavo-en-la-india-cuatro-grandes-empresas-espanolas-estan-en-la-lista-negra_589115/#lpu68ixKN3JDagfS


Hit Counter provided by Skylight
Do NOT follow this link or you will be banned from the site!