TRANSNATIONAL SOCIAL STRIKE: CONTRA AS FRONTEIRAS E A PRECARIZACIÓN

with Non hai comentarios

O mundo atopase nun momento no que a violación dos dereitos humanos é sistemática. Segundo o último informe de ACNUR, a finais de 2015 había case 60 millóns de persoas desprazadas e refuxiadas. En Europa aumentou de forma alarmante a xenofobia (Segundo as cifras dun informe da policía alemá, ata outubro de 2015 déronse un total de 576 delitos relacionados cos centros de refuxiados en Alemaña, unha cifra que dobra amplamente a rexistrada en 2014). A situación de emerxencia que están a vivir as persoas desprazadas e refuxiadas ten como resposta fronteiras blindadas, roubo das pertenzas ás persoas migrantes polas autoridades dos países de chegada, máis de 10.000 nenxs perdidxs, detencións inxustificadas e reclusións en Centros de Internamento de Estranxeirxs,…As políticas neoliberais están apostando por un recorte de dereitos políticos, sociais e civís. Por isto este 1 de marzo amosaremos coa nosa práctica que outra vía é posible superando os prexuízos, manténdonos unidxs xunto ás persoas migrantes.

A actual crise humanitaria que ten como vítimas ás persoas desprazadas e refuxiadas, ten á UE como principal responsable tanto pola súa participación nos conflitos armados como polas súas políticas comerciais que parten da venda de armas ata a apropiación de bens e materias primas en diferentes rexións do mundo. Ante tal situación os gobernos europeos non só reaccionaron insolidariamente senón que aplicaron medidas que van contra os dereitos destas persoas. De entre os máis recentes podemos falar das distintas modificacións das leis migratorias que se produciron nos últimos meses en distintos estados europeos que fixan no marco legal o socavamento dos dereitos das persoas polo mero feito de non ter nacido no país de acollida; o peche físico das fronteiras, que supuxo ademais a separación de decenas de familias (segundo datos da europol ata o 31 de xaneiro, había uns 10000 nenxs refuxiadxs desaparecidxs; a manipulación informativa respecto das persoas migrantes, buscando un “nós” e “elxs”, trouxo un aumento dos ataques xenófobos en países como Alemaña. .

Ante esta situación a cidadanía europea e diversos colectivos sociais reaccionaron, opoñéndose ás políticas de rexeitamento e represión das persoas desprazadas e migrantes marcadas polos gobernos, organizáronse para acollelxs de forma solidaria (organización e habilitación de espazos onde habitar, acugulamento de recursos para cubrir as necesidades básicas, sistemas e puntos de informacións básicas, servizos de legal e atención sanitaria,…).. Nas últimas semanas unha das principais reivindicacións é a apertura dunha canle segura pola que as persoas refuxiadas poidan chegar a salvo a Europa, así como que se protexan e aseguren os dereitos destas persoas.

Nesta situación as persoas migrantes, non teñen asegurados os dereitos básicos como o acceso a sanidade, un posto de traballo de calidade, o dereito de asociación… Incluídas nesta cuestión as que teñen a cidadanía europea, que incluso poden ser expulsadas de volta ao seu país se perden o seu posto de traballo ou están sen papeis. O que volve a cuestión migratoria unha loita global que nos afecta a todxs.

Por estas razóns dende ECOAR))) xunto a outras centos de organizacións facemos un chamamento a tódalas persoas e organizacións da sociedade civil para facer do 1 de marzo de 2016 un día de accións descentralizadas e coordinadas e de folga, dirixidas á interrupción da produción e a reprodución. Un día de acción onde, se enlacen as diferentes situacións sociais, dende diversos enfoques,  visibilizando situacións ocultas de explotación e sinalando ao réxime fronteirizo e as institucións que gobernan a través da mobilidade e a precariedade, en beneficio das grandes corporacións transnacionais e financeiras.

DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”

MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR

PENSA – ACTÚA – ORGANÍZATE

ECOAR)))

Comparte:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *