A plataforma cidadá celebra o seu primeiro aniversario co lanzamento dunha nova páxina web e unha revista de opinión
O vindeiro martes, 19 de marzo de 2013, ás 12:00h., terá lugar, no Bou Eva (R/ Tercio de Fora 11, ao carón da praza Fdo. O Católico) de Vigo, unha rolda de prensa con motivo da presentación de ECOAR))), Espazo de (Contra)discurso, Construción e Coordinación de Alternativas e Resposta social, unha plataforma cidadá que pretende funcionar como foro no que poder diagnosticar a realidade dende a pluralidade, definindo e propoñendo alternativas, promovendo a mobilización da cidadanía e traballando a prol dun sistema social xusto dende a cidadanía e dende Vigo. Esta actividade precede á presentación oficial da plataforma á cidadanía, que terá lugar o xoves 21 de marzo, ás 20:30h., no Teatro Ensalle de Vigo (R/ Chile, nº 15).
Tras preto dun ano de traballo no que a plataforma, ademais de cimentar as súas bases ideolóxicas e metodolóxicas, realizou actividades diversas como mesas informativas, mobilizacións ou recollidas de firmas, ECOAR))) presenta nestes días días novas liñas de comunicación con colectivos e cidadanía en xeral. A nova páxina web da plataforma (ecoarglobal.org) pretende converterse nun punto de converxencia e coordinación entre colectivos e entre colectivos e cidadanía. Pola súa banda, a revista A Boia. Contracultura dende a Ría, é unha publicación mensual sen ánimo de lucro, que incluirá textos e outros materiais de corte social e político, achegados por individuos, colectivos e o Grupo de (Contra)discurso de ECOAR))). A publicación terá un prezo de 0’50 € e poderá atoparse en kioskos, centros sociais, bares e cafés da Ría de Vigo e a súa contorna.
Con estas novas ferramentas, ECOAR))) chama a converxer a persoas e colectivos sociais para poñer en marcha unha resposta unitaria e solidaria á crise capitalista.
—
Equipo de comunicación de ECOAR)))
comunicación.ecoar@gmail.com
Contacto: Uxío Reinoso, Voceiro (633.241.060 )
Máis información en ecoarglobal.org
PENSA-ORGANÍZATE-ACTÚA
Deixa unha resposta