Pepa Loba

A Pepa Loba, Peto Externo de Planificación Antisistema e LOita Base Anticapitalista, é unha ferramenta de financiamento de carácter independente que xorde ao abeiro de ECOAR))) para:

- Sufragar as necesidades económicas para o desenvolvemento de campañas, iniciativas, proxectos e accións, tanto no eido das alternativas como da resposta social.

- Facer fronte ás sancións e demais custos derivados dos mecanismos de represión e punición do sistema.

- Actuar solidariamente con colectivos e persoas que non dispoñan dos medios necesarios tanto de difusión como de financiamento, para poder levar ao cabo campañas que cubran eses eidos por si mesmxs.

13 Editora

13 Editora é un proxecto editorial sen ánimo de lucro de carácter independente que xorde ao abeiro de ECOAR))). Traballamos na produción de contidos e ferramentas que contribúen a facer máis libres ás persoas, difundindo o pensamento crítico alternativo a través de discursos de carácter plural e ofrecendo textos de formación e información social, económica, política e cultural.

A produción editorial de 13 Editora focalízase en a) ensaios de carácter reflexivo e didáctico, cun enfoque tanto académico como divulgativo, e b) manuais que ofrecen unha formación completa e específica en eidos concretos do campo do activismo, dende un enfoque práctico. En ambos casos, compleméntanse aqueles títulos que constitúen un referente nos seus respectivos campos con títulos más recentes, descoñecidos ou descatalogados.

Ágora-R

Ágora-R é un proxecto de ECOAR))) que nace coa intención de pensar a realidade a través dunha ollada crítica, horizontal e proactiva poñendo no centro da análise as relacións de poder e contrapoder. ágora R pretende abrir un espazo onde a cidadanía poida adquirir ferramentas e recursos que lle permitan reflexionar sobre o seu papel como axente de cambio e vertébrase a través de tres eixos centrais:

- Analizar e comprender os procesos, teorías e situacións que conforman a estrutura e funcionamento do mundo actual, así como os seus compoñentes e protagonistas.
- Indagar e coñecer as ferramentas, repertorios e estratexias, así como as formas de organización e loita, que emprega o contrapoder ao longo do planeta.
- Estudar e entender os medios, persoas e estratexias, así como as formas de funcionamento e organización, que empregan a estrutura de poder, especialmente o corporativo e o gobernamental.

"A liberdade apréndese exercéndoa"
Clara Campoamor