LEI MORDAZA (Entrada en Vigor)

with Non hai comentarios

COMUNICADO LEI MORDAZA

O 1 de xullo de 2015 a liberdade de expresión e o dereito de manifestación e reunión quedarán feridos de morte de xeito definitivo. As coñecidas popularmente como Leis Mordaza socavan rotundamente a democracia no estado español e, por extensión, na Unión Europea. Milleiros de organizacións e doutros organismos internacionais (como, por exemplo, a ONU) teñen denunciado e urxido á retirada destas normas por considerar que vulneran ducias de artigos da lexislación internacional en materia de dereitos.

O sistema normativo español actual contén centos de artigos herdados do franquismo, o que fai que leve no seu celme a idea de represión e castigo como punto sobre o que ordenar unha sociedade. Esa idea de orde que tan central é nos sistemas ditatoriais casa perfectamente tamén no ADN da concepción homoxeneizadora e de concentración de poder nas que se basea o neoliberalismo e a globalización. O homoxéneo é ordenado e, polo tanto, controlable, pois sábese sempre como vai responder. E aí reside a base destas Leis Mordaza. A chegada da crise (primeiro económica e logo estrutural, pois afecta a todos os eidos desta sociedade) supuxo unha precarización da vida das persoas e un esmagamento gradual dos seus dereitos, o que deveu nun incremento progresivo das protestas sociais e da resposta cidadá. O poder empezou a perder espazos e, con el, a estabilidade e o control social total, así que comezou a desenvolver ferramentas para recuperar os espazos perdidos.

A crise económica, que empezou este ciclo coa caída de Lehman Brothers en 2008, trouxo consigo un escenario de descontrol que, en moi pouco tempo,  transformouse nun escenario de oportunidade para as grandes estruturas financeiras e transnacionais. Estas perante a situación de incerteza creada conseguiron facer a presión suficiente como para inserir reformas lexislativas que implicaban para elas beneficios multimillonarios mentres a cidadanía e o planeta vían como se destruían unha vez máis os seus dereitos.

As mobilizacións crecentes, a confluencia de movementos e forzas de todo tipo ou a enorme diversidade de eidos e de formas de repertorio á hora da protesta, implican que, na actualidade, os diferentes gobernos deféndanse facendo modificacións normativas que transforman en “legal” o que antes non o era, pero que en ningún case consegue atopar a validez ética das mesmas. E xunto a estas modificacións legais, ao mesmo tempo,  increméntanse pouco a pouco as forzas de represión. Un dos exemplos máis claros é o estado español onde cada ano dende 2012 foise incrementando en máis dun 1.000% o gasto en material antidisturbios (incluso formando ao exército en técnicas das propias UIP).

As Leis Mordaza son unha ferramenta que asocia a idea de que as persoas sen papeis son persoas sen dereitos (legaliza as “devolucións en quente”), que penaliza a reunión en espazos públicos, que impide os piquetes informativos, que prohibe difundir imaxes dos corpos de represión (aínda que estes estean cometendo un abuso) ou que pena co cárcere a difusión de lemas de manifestacións a través das rrss ou a resistencia pasiva.

Estas leis pretenden silenciar, a través do medo, a penalización e a represión, a enorme diversidade de voces que denuncian e constrúen vías de saída da crise diametralmente opostas ás actuais, e que ven a oportunidade de avanzar cara a modelos sociais máis xustos nos que haxa reparación e se diriman responsabilidades. Voces que buscan avanzar cara a un modelo no que cada unha das persoas que conforman a sociedade sexan responsables e representantes de si mesmas e onde os dereitos das persoas e o planeta sexan sempre unha liña vermella. Voces que obedezan á ética e non á lei. Voces de persoas que dende o minuto cero entendan (e exerzan!) que os seus dereitos son inalienables e, polo tanto, quen llos pisa comete unha violación, pero en ningún caso se perden.

DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”

MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR

PENSA – ACTÚA – ORGANÍZATE

ECOAR)))

Comparte:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *