“O mercado é unha institucionalización do individualismo e a irresponsabilidade. Nin o comprador nin o vendedor son responsables de ningunha cousa excepto de eles mesmos.” – Ernst Friedrich Schumacher.
Do 8 ao 15 de outubro terá lugar unha semana de mobilización a nivel estatal contra os tratados de libre comercio. Distintas organizacións da sociedade civil, sindicais, campesiñas e políticas convocamos un Outono en Resistencia para dar resposta a uns tratados como o CETA ou o TTIP, que suporán na práctica unha perda de dereitos fundamentais das persoas ademais de agravar o quecemento global e a conseguinte destrución do medio ambiente.
Este ano o elemento central é o CETA. O maior descoñecemento por parte da sociedade e da opinión pública, tras 5 anos de negociacións secretas e a súa inminente ratificación, fai que a Comisión Europea e algúns estados estean a empurrar para que sexa ratificado canto antes. De nada serviría tombar o TTIP se o CETA saira adiante. Xa que ademais de traer o mesmo que o TTIP (unha baixada dos estándares europeos coa súa correspondente diminución de protección laborais, sociais, ambientais o culturais) as transnacionais estadounidenses empregarían as súas filiais en Canadá para acceder aos mercados europeos.
A pesar de que a Comisión Europea asegurou que, o novo mecanismo para a protección de investimentos que substitúe ao tan polémico ISDS, o Sistemas de Tribunais de Inversións (ICS, polas súas siglas en inglés, e ), non se interferirá co dereito dun estado a lexislar, todos estes tratados implicarán unha perda de soberanía. De feito diferentes informes que analizaron varios casos polémicos e ben coñecidos onde se empregou o ISDS, concluíron que o ICS permitiría igualmente que todas e cada unha destas controvertidas demandas puideran presentarse e obterían o mesmo resultado.
O ICS non contén ningún elemento que impida ás empresas impugnar as decisións que adopten os Gobernos para protexer a saúde e o medio ambiente. De feito o ICS introduce explicitamente o concepto de “expectativas lexítimas” dos inversores, facilitando na práctica a flexibilidade a hora de denunciar ao Estado pola súa ambigüidade. O ICS ademais segue sendo unidireccional. Só as empresas poden denunciar aos estados e os altos custos dos litixios ademais fan que aínda que o estado gañara, sempre perda os custos (uns 1000 dólares á hora por avogadx).
O CETA implicaría que Canadá, onde a auga se privatizou en gran parte do territorio, nunca podería volver a contar con este recurso a través da xestión pública sen o risco de ser denunciado polas empresas concesionarias. Ademais os niveis de gases de efecto invernadoiro do petróleo da area bituminosa de Canadá son un 23% máis altos que os do petróleo convencional. Dado que o CETA liberalizará o comercio transatlántico de enerxía, incrementarasea produción do petróleo da area bituminosa para o mercado europeo, polo que calquera goberno que intente restrinxir o fluxo deste petróleo en resposta ao quecemento global, podería enfrontar unha demanda a través do ICS dunha corporación petroleira.
Todos estes tratados buscan unha harmonización á baixa. Por exemplo desaparecería o principio de precaución que existe na UE á hora de comercializar un produto,abrindo a porta á venda de produtos alimentarios ou de hixiene que non teñan demostrado que non son nocivos para as persoas. O CETA traería consigo unha maior duración nas patentes das farmacéuticas, ademais da práctica desaparición das denominacións de orixe.
Os seus partidarios afirman que estes tratados teñen a capacidade de xerar empregos, pero o certo é que o NAFTA (tratado similar que comprende a México , EEUU e Canada) supuxo a perda do seu emprego 1,3 millóns de mexicanos só no sector agrícola (ao mesmo tempo, en EEUU máis de medio millón de persoas perderon o seu emprego pola deslocalización de fábricas).
Por todo isto dende ECOAR))), queremos facer un chamamento a tódalas persoas e organizacións da sociedade civil para participar no Outono en Resistencia contra os tratados de libre comercio e investimento, porque entendemos que as relacións comerciais deben estar baseadas no respecto dos dereitos humanos e a biodiversidade. Nin CETA, Nin TTIP, Nin TISA, Nin TPP!! Non aos Tratados de Libre Comercio!!
DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”
MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR
PENSA – ACTÚA – ORGANÍZATE
ECOAR)))
Deixa unha resposta