ECOAR))) é un acrónimo que se forma a partir de Espazo de (Contra)discurso, Construción, e Coordinación de Alternativas e Resposta Social.
ECOAR))) é unha ferramenta de carácter independente que se apoia na acción directa, a presión pública, a sensibilización e a solidariedade, para construír un sistema global baseado na xustiza, a ética e a dignidade, a partir dos seguintes puntos básicos:
Puntos Básicos
Puntos Metodolóxicos
ECOAR))) é un espazo de natureza global conformado por persoas que se coordinan, constrúen e actúan, dende o local ao internacional:
- para facerlle fronte ás inxustizas e aos problemas globais relacionados cos dereitos humanos e o medioambiente.
- para activar á cidadanía actuando de xeito efectivo e eficiente a partir da análise, a planificación e a estratexia.
ECOAR))) estrutúrase en 5 grandes grupos (Acción, Comunicación, (Contra)discurso, TIC e Xestión) que se coordinan na Asemblea Xeral e están conformados cada un deles por áreas e equipos específicos.
Os gobernos reveláronse como instrumentos do que chaman “os mercados”, que en realidade son grandes empresas transnacionais e financeiras con nome e apelidos.
Denunciamos e rexeitamos o engano que fan sobre a cidadanía, presentando como única saída posible da crise os recortes sociais, a través da perda de dereitos e liberdades. Persoas e colectivos ao longo de todo o mundo demostran que hai alternativas para saír da crise e que outros camiños son posibles e necesarios.
As mobilizacións que se estenderon por todo o planeta a partires da primavera do 2011, foron un revulsivo social ante a situación imposta; un movemento esperanzador que non debemos esquecer nin deixar desaparecer.
Subliñamos, non só as ameazas sobre as nosas economías, senón sobre a “democracia” mesma: menos do 1% decide sobre o presente e futuro do outro 99%.
Como espazo cidadá, os nosos obxectivos fundamentais son, diagnosticar a realidade dende a pluralidade, definindo e propoñendo alternativas; mobilizar e impulsar accións e iniciativas concretas que loiten polos dereitos humanos, a dignidade das persoas, o consumo responsable, o ecoloxismo, o interculturalismo, a igualdade de xénero,… Camiñando cara un sistema social xusto.
Chamamos a converxer a persoas e organizacións para poñer en marcha unha resposta unitaria e solidaria á crise capitalista.
DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”
MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR
PENSA – ACTÚA – ORGANÍZATE
2001-2011: ENTRETECENDO UNHA IDEA
Persoas do eido social e político reflexionan ao redor da utilidade, eficacia e eficiencia das ferramentas, estruturas e repertorio coas que se conta para afrontar as diversas problemáticas, así como sobre as causas, consecuencias e necesidades.
Aparece a idea de xerar unha estrutura de carácter gratuíto e solidario que sirva para asesorar ás organizacións tecnicamente para mellorar a súa eficiencia e eficacia.
2011 – 2012: XERANDO UNHA REDE LOCAL DINÁMICA
A primavera de 2011 deixa ver unha sociedade global con vontade de organización pero con falla de ferramentas e iniciativas de canalización eficiente e eficaz. Inícianse contactos para ver a posibilidade de construír unha ferramenta social, onde se aglutinar e coordinar fronte ás políticas de recortes sociais en Vigo e comarca. E o 19 de novembro de 2011 preséntase a idea.
17/03/12: A Plataforma Vigo (nome que ten a ferramenta nese intre) inicia a súa andaina como un espazo de encontro onde se poder intercomunicar e coordinar as diferentes organizacións integradas na mesma.
2012 – 2013: CREANDO UN ESPAZO-FERRAMENTA LOCAL CON VOCACIÓN GLOBAL
A rápida incorporación de organizacións e activistas á Plataforma Vigo leva a apostar por xerar unha nova estrutura máis complexa.
21/03/13: Nace ECOAR))), Espazo de (Contra)discurso, Construción, e Coordinación de Alternativas e Resposta Social. Un espazo-ferramenta que busca servir para coordinar e estruturar alternativas e resposta social en Vigo e comarca; así como conectar Vigo con outras localidades e impulsos doutras zonas do planeta.
Iníciase un proceso de espallamento a outras localidades e comézase a participar na organización e coordinación de mobilizacións, así como no asesoramento a outros colectivos e activistas.
2013 – 2014: CONSTRUÍNDO UNHA ESTRUTURA ALTAMENTE ESPECIALIZADA
O aumento da carga de traballo así como a complexidade das tarefas levan a transformar ECOAR))) nunha estrutura profesional non remunerada. Isto leva a unha fonda modificación de dinámica de traballo así como do perfil do grupo. Aparecen novas áreas, ferramentas e necesidades, así como un novo corpo que inicia a súa presenza en espazos de coordinación global.
2º Semestre 2014: TRANSFORMACIÓN DE ECOAR))) NUN ESPAZO-FERRAMENTA GLOBAL
Dáse un paso máis que será o último na conformación da identidade base e transfórmase nun espazo-ferramenta de carácter global que deixa de ter o seu epicentro en Vigo e Galiza. ECOAR))) transfórmase así nunha estrutura que conta con accións, activistas e grupos de e en calquera parte do planeta.
2015 – Hoxe: CONSTRUCIÓN DA ESTRUTURA BÁSICA DE ECOAR))) GLOBAL
Dende o 1 de xaneiro de 2015 iníciase unha etapa na que se pretende dotar a ECOAR))) da estrutura necesaria para afrontar a nova situación. Empézase a accionar en diferentes partes do planeta, deséñanse e constrúense ferramentas e dinámicas complexas, así como se inicia a integración de activistas de diferentes recunchos do mundo.