“Un conservacionista de verdade é unha persoa que sabe que non herdamos o mundo dos nosos pais, senón que o temos prestado dos nosos fillos.” – John James Audubon
Francia preparase para acoller o Cumio das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP21) do 30 de novembro ao 11 de decembro de 2015. Neste marco, entre o 29 de novembro e o 12 de decembro, centos de organizacións da sociedade civil mobilizaranse en París en busca de novas solucións.
As liñas propostas polas estruturas estatais, transnacionais e demais organismos que participarán nas negociacións do COP21, non supoñen máis que un lavado de cara. Por esta cuestión cidadáns e cidadás de todos os recunchos do planeta reunirémonos en París e mobilizarémonos para amosar as solucións e alternativas reais ao problema climático e todos os que deste se derivan (ecolóxicos, sociais e económicos).
Nos últimos 100 anos, a temperatura media da superficie da Terra aumentou en 0,74°C. En Europa este aumento é do 0,95ºC e incluso, nalgunhas rexións do mundo, como pode ser o caso de Galiza, a temperatura chega a aumentar ata os 1,5ºC dende a década dos 70 do século pasado.
De seguir esta tendencia, a temperatura media mundial podería subir entre 3.7 e 4.8°C por enriba dos niveis preindustriais para o ano 2100. Isto repercutiría directamente en sectores clave como a agricultura ou a pesca que en países como Sudáfrica podería supoñer a perda para o ano 2030 de máis do 30% da súa colleita principal (o millo), o que afectaría gravemente á soberanía alimentaria da súa poboación, posto que o 70% do millo cultivado é para consumo humano.
O aumento de temperaturas antes mencionado ten outras consecuencia devastadoras. Segundo a ONU prevese un aumento do nivel do mar de ata 1 m para 2100, se as capas de xeo seguen a derreterse.
Isto implicará unha unha perda inxente de biodiversidade, o que se traducirá na desaparición de milleiros de especies que non sobrevivirán ao cambio climático (calcúlase que entre o 20% e o 30% das especies existentes estarán durante ese período en perigo de extinción. Entre 2003 e 2013 o número medio anual de desastres causados por todo tipo de ameazas naturais, incluídos os eventos relacionados co clima, case se duplicou comparándoo cos da década de 1980.
Dende o famoso Protocolo de Kioto, no que os estados firmantes se comprometían a reducir un 8% as súas emisións de gases de efecto invernadoiro para 2012, vimos como se incumprían de xeito recorrente os acordos marcados, ao tempo que omercadeo das cotas de emisión convertíase na dinámica central entre países e mesmo se producían saídas ao longo do proceso (como foi o caso, por exemplo, de Canadá).
Posto que as medidas de lavado de cara seguen a ser a liña principal para as negociacións do COP21, a sociedade civil decidiu facer fronte a esta situación conformando para a ocasión diferentes espazos, plataformas e coordinadoras como a Coalición Clima 21.
O 28 e 29 de novembro a cidadanía mobilizouse en máis de 2.000 localidades de todo o mundo na Marcha Mundial polo Clima. A partir do día 30 e ata que rematen as negociacións (12 Decembro) as mobilizacións trasládanse ao corazón da capital francesa para amosar a disconformidade coas políticas climáticas (e as derivadas) polas que hoxe se rexe o mundo, así como para amosar as alternativas ao modelo actual. Os días 5 e 6 de decembro, terá lugar o Cumio dos Pobos polo Clima en Montreuil, un espazo de debate sobre as alternativas, análises e solucións sobre a catástrofe climática. Do 7 ao 11 de decembro, nun establecemento cultural aberto á cidadanía situado no barrio popular del norte de París o CENTQUATRE, organizarase unha “Zona de Acción polo Clima” durante a última semana da COP21. Durante todo o cumio terán lugar tamén os Climate Games. E o 12 de Decembro, a última palabra non se dará nos despachos, darase nas rúas, cunha acción de desobediencia civil na que se marcarán as Liñas Vermellas, para resolver o problema climático.
Así pois dende ECOAR))) facemos un chamamento a persoas e organizacións da sociedade civil a mobilizarse polo clima tanto en París como en calquera recuncho do planeta a través de accións descentralizadas; tanto a través de espazos coordinados como a Coalición Clima 21 ou os Climate Games, como realizando accións e eventos autoorganizados ou coorganizados fóra destes marcos. Debemos marchar polo clima berrando ben alto a nosa oposición a este sistema que non serve; tecendo pontes entre as diferentes organizacións e persoas; e entendendo as diferentes sensibilidades e reivindicacións como un todo que permite que outro mundo é posíbel e necesario.
“Se non facemos nada, ninguén o fará no noso lugar”.
Deixa unha resposta