PEPA LOBA: CONTRUÍR ALTERNATIVAS E RESPOSTA SOCIAL FRONTE Á REPRESIÓN DO SISTEMA

with Non hai comentarios

Este sábado 20 de Febreiro nace unha nova ferramenta para poder artellar alternativas e resposta social, así como para poder xerar mecanismos de defensa perante as situacións de represión ás persoas que exercen os seus dereitos. A asociación Pepa Loba (Peto Externo de Planificación Antisistema e LOita Base Anticapitalista), que xorde ao abeiro de ECOAR))),  presentarase ás 20:02  no espazo “Dinamo Coworking” (Rúa Ecuador, 14).

Hoxe, vivimos unha etapa máis dun sistema global que se caracteriza pola constante violación dos dereitos das persoas e a destrución da biodiversidade. Un mundo no que o beneficio económico é a fin última, e onde cada día que pasa as principais liñas da axenda política internacional están máis e máis subordinadas á vontade das grandes corporacións transnacionais.

Na actualidade habitamos nun mundo onde as 62 persoas máis ricas do mundo teñen tanta riqueza como a metade da poboación máis pobre da Terra, 3.600 millóns de persoas; onde existen 7,6 billóns de dólares en paraísos fiscais; onde as guerras provocan máis de 180.000 mortes ao ano; onde as persoas refuxiadas ou desprazadas representan xa un número superior aos 60 millóns; ou onde se verquen 6.000 millóns de toneladas de lixo ao océano ou se deforesta máis de 90.000 quilómetros cadrados de bosque tropical ao ano.

E perante esta situación a sociedade analiza os problemas e organízase, coordínase e xera saídas a este tipo de cuestións. Millóns de persoas constrúen cada día en todo o planeta un complexo construto social crítico e activo, tecido en rede dende o local ao internacional, a través do que se afrontan as diversas problemáticas e se constrúen ferramentas e solucións alternativas, así como accións e campañas de sensibilización e resposta social.

Neste contexto nace a Pepa Loba (Peto Externo de Planificación Antisistema e LOita Base Anticapitalista). Unha ferramenta independente que busca multiplicar os recursos cos que poder confrontar as violacións de dereitos humanos e a destrución do planeta, ao tempo que se buscan saídas as distintas problemáticas que se presentan.

 

DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”

MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR

PENSA – ACTÚA – ORGANÍZATE

ECOAR)))

Comparte:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *