Comunicado de apoio á convocatoria de folga xeral do 14N

with Non hai comentarios

O vindeiro mércores 14 de novembro celebrarase unha xornada de folga xeral, convocada pola meirande parte dos sindicatos do Estado Español. Será un evento histórico posto que é a primeira vez que varios países da Unión Europea irán á folga en conxunto. Desta vez o motivo da protesta non é unha medida económica concreta, se non a vontade de manter unha postura clara en contra da política económica levada a cabo pola clase dirixente. Falamos logo da motivación de enfrontarse ó capitalismo en si e á súa ofensiva contra os dereitos sociais acadados durante séculos.

    A plataforma ECOAR apoia completamente esta convocatoria. Consideramos que é unha oportunidade decisiva para que cada persoa se sume a ela de maneira activa e desta forma acadar unha fronte común cada vez máis ampla ante a política de recortes económicos e sociais que estase a levar a cabo contra o conxunto da poboación. É fundamental que a cidadanía amose o rexeitamento a unhas políticas que están a xerar precariedade e pobreza, que a agresión en contra dos dereitos sociais non vai ser aceptada pola poboación. Tamén é a oportunidade que temos de reivindicar de forma masiva unha serie de dereitos que o actual goberno tenta desmantelar, dereitos civís que non teñen nada que ver coa economía coma son o de folga, o de reunión ou o de manifestación. O proceso de erosión destes dereitos pouco ou nada ten que ver coa situación económica, se non que é unha escusa do PP e dos seus afíns para acadar un maior control sobre a sociedade, reducindo en consecuencia o grao de liberdade.

    Igualmente, dende ECOAR recordamos a importancia de que a xornada de folga non se limite ó paro laboral, se non que tamén debe haber unha folga de consumo. Hoxe en día o consumo é un dos eixos principais do sistema capitalista e deixar de consumir durante a xornada de folga supón levar a cabo unha acción determinante contra os intereses ós que nos enfrontamos. Tamén é importante lembrar que a folga dura 24 horas, para fortalecer a protesta é fundamental manter as accións durante todo ese período de tempo.

    Unha cousa a ter en conta é que xa sabemos o que vai dicir o goberno ó día seguinte, que a folga foi un fracaso, que a maioría da xente non secundou a xornada porque está de acordo coas súas políticas ”inevitables” de recortes e que a xente que quedou na casa o fixo porque as apoia. Este discurso xa é seguro, forma parte da estratexia de mentira e manipulación que estamos a sufrir, pero o importante é que cada persoa se pregunte se quere que sexa certo ou non. A xornada é unha oportunidade para que a cidadanía en conxunto faga valer a súa voz en contra da situación de crise social imposta polo poder. Debemos de facerlles fronte de maneira activa, desta vez coa sorte de que pode ser de xeito europeo, para que non avance a ofensiva capitalista baseada en recortes sociais e apoio con diñeiro público ás entidades financeiras. Por isto e por todas as razóns explicadas antes animamos á xente a participar na vindeira folga xeral do 14N.

Comparte:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *