CONSUMIR NO NADAL E NON SER CONSUMIDX

with Non hai comentarios

«consumo, sociedade de»: Prodixioso envase cheo de nada. Invención de alto valor científico, que permite suprimir as necesidades reais, mediante a oportuna imposición de necesidades artificiais.”  – Eduardo Galeano

Como cada ano, este nadal as grandes transnacionais gañarán millóns polo habitual aumento no consumo que se produce nestas festas. O consumismo promove un modelo insostible ambiental e socialmente. Lémbrese que se o resto do mundo tivera o consumo que se dá nos países enrriquecidos, serían precisos 3 planetas iguais para atender a demanda. O 12% da poboación mundial (Norteamérica e Europa Occidental) é responsable do 60% deste consumo, mentres que no sudeste asiático ou a África subsahariana representan só o 3,2%.

Segundo a consultora Deloitte, en cada fogar do estado español gastaranse de media 682€ un 4% máis que o ano pasado. Cada persoa do estado español gastará de media 265 € só en agasallos o que supón un gasto estimado de 12.500 millóns de euros. Só Dinamarca está por riba con 367 € por persoa. A meirande parte destes produtos serán adquiridos en grandes almacéns (o 51% indica que mercará agasallos nalgún) e cadeas especializadas, polo que as grandes beneficiarias de todas esas compras serán as transnacionais, que seguirán incrementando o seu beneficio ao tempo que aumenta a ruptura social e ecolóxica. Quizais un dos sectores que mellor exemplifique esta cuestión sexa o sector téxtil pois é un dos máis beneficiados nestas datas (roupa e calzado seguen a ser o agasallo máis demandado) a pesar de ser tamén un dos máis relacionados coa violación de dereitos humanos. Salarios de 1,3 euros diarios por 68 horas de traballo á semana, ausencia de contrato, ambientes insalubres, sen dereitos básicos como a prestación en caso de enfermidade ou a afiliación sindical ou un réxime de privación de liberdade, son as condicións de traballo na India para nenas e adolescentes que supoñen o 60% dxs máis de 400.000 traballadorxs do sector. (Megafatorías suministradoras de Inditex, El Corte Inglés, Cortefiel e Carrefour España.). Estas empresas non só violan sistematicamente os dereitos das persoas, senón que ademais segundo un informe do grupo dos Verdes do Parlamento Europeo, Inditex eludiu 585 millóns en impostos entre 2011 e 2014.

O sistema actual establece, a través das súas dinámicas internas, a lexislación e a actuación dos medios de comunicación, unha cultura na que “somos o que consumimos e o que posuímos”, ao tempo que se socava a soberanía popular a través da cesión desta ás grandes transnacionais de diferentes xeitos (hoxe en día a ofensiva céntrase na sinatura de grandes Tratados de Libre Comercio (como o TTIP, TISA ou o CETA), que atan de pés e mans aos gobernos para poder exercer ningún tipo de control sobre as mesmas. Se ben na sociedade de consumo hai unha grande necesidade de elaborar grandes campañas e ferramentas para facer fronte a cuestións de diversa índole que requiren dunha acción colectiva e diversa que se presente de xeito coordinada, a acción individual ten tamén unha importancia clave como elemento de loita e construción social.

En ECOAR))), pensamos que cada un/ha de nós, tanto na nosa acción colectiva como na individual, somos elementos clave en toda a engrenaxe do sistema consumista. A través do desenvolvemento de hábitos de consumo responsable baseados na información e actuación crítica e consciente, a cidadanía pode transformarse nunha ferramenta de cambio social de grande forza. Informarse  ao redor dos produtos, bens e servizos que consumimos, facendo unha selección rigorosa que aposte por produtos respectuosos co planeta e cos dereitos das persoas (como poden ser as cooperativas e grupos de consumo, comercio local, produtos km 0 que reduzan a cadea de transporte e emisións de CO2 (a comida dun europeo medio viaxa 1.900 km) ou produtos de comercio xusto), debe ser un dos principais obxectivos a acadar para podermos abrir novas vías cara a un mundo máis xusto.

DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”

MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR

PENSA – ACTÚA – ORGANÍZATE

ECOAR)))

Comparte:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Time limit is exhausted. Please reload the CAPTCHA.