ENDE GELÄNDE!: DESOBEDECER PARA PRESERVAR O PLANETA

with Non hai comentarios

Do 13 ao 16 de Maio Ende Gelände volverá unir persoas e colectivos de toda Europa que se opoñen á industria dos combustibles fósiles e ao sistema económico neoliberal imperante. Encadrado dentro da campaña global “Break Free From Fossil Fuels” (Libérate dos Combustibles Fósiles), levarase ao cabo de novo o bloqueo da mina de Lusacia pertencente á empresa enerxética de orixe sueca, Vattenfall.

Actualmente o 87% de toda a enerxía que se consume no mundo e que motoriza a economía mundial provén dos combustibles fósiles (petróleo, carbón mineral e gas natural). Só en 2014 emitíronse máis de 35.000 millóns de toneladas de CO2. Manter as tendencias actuais conduce irremediablemente a un aumento na temperatura terrestre promedio de entre 3°C e 5°C para finais de século.

Evitar un escenario climático de consecuencias catastróficas e irreversibles depende en gran medida de que os combustibles fósiles queden baixo terra. As partes asinantes do Acordo de París o pasado decembro comprometéronse a mitigar a emisión de Gases de Efecto Invernadoiro para así poder manter o aumento da temperatura planetaria por debaixo de 2ºC, tendo como meta facilitar que esta non supere os 1,5ºC respecto a niveis preindustriais. Aínda así non debemos esquecer que o límite de 1,5ºC implica, na práctica, acadar as cero emisións netas ao redor de 2060-2080. Isto supón que se deberían abandonar definitivamente os combustibles fósiles para 2050.

No contexto actual merece especial mención o modelo económico vixente no que se pretende estruturar a economía global a partir de grandes Tratados de Libre Comercio (TISA, TTIP, CETA, TPP,…) que blindan lexislativamente a actividade das multinacionais, dentro das cales as enerxéticas e petrolíferas conforman un bloque clave, primando os intereses e beneficios económicos destas, sobre a protección e respecto do medio ambiente e os dereitos das persoas.

O 2016 é o ano crucial no que se decide o futuro das minas de carbón de Lusacia. Vattenfall, unha das grandes compañías de enerxía en Alemaña e unha das maiores contaminantes a nivel global, pretende vender as súas minas e plantas de carbón no canto de desmantelalas como deberían. A enorme inversión para a nova compañía que as adquira obrigará á continuidade na actividade extractora da mina nas vindeiras décadas só para poder recuperar a inversión.

Non se trata só dunha loita contra o carbón, o fracking ou o petróleo, senón que se trata de desafiar fundamentalmente a lóxica imposible dos beneficios e do crecemento infinito; que  promove a continua destrución do planeta e que conleva, ao tempo, o esnaquizamento de dereitos e liberdades dos pobos e das persoas. Mentres unhas poucas empresas enerxéticas prosperan e son beneficiadas con miles de millóns de dólares en subvencións, estas mesmas compañías desconectan da rede eléctrica, só en Alemaña, a 350.000 fogares cada ano – facendo crer aos seus e as súas empregadxs que a minería do carbón continuará para sempre. A posición persoal é crucial para unha transición xusta, pero necesítase un plan, como sociedade global, de como organizar e financiar unha transformación ecolóxica e social de xeito sostible.

Así pois dende ECOAR))), xunto a outras organizacións facemos un chamamento a tódalas persoas e organizacións da sociedade civil  a participar na acción de desobediencia civil masiva que se levará ao cabo na mina de Lusacia para evitar a continuidade da mesma, e para continuar un camiño que nos leve a poñerlle punto e final dunha vez ás enerxías fósiles. En Maio de 2016… Poñámonos en marcha por unha xustiza climática! Non máis carbón! “ENDE GELÄNDE” Non máis minas de carbón en Lusacia!

DEMOCRACIA FRONTE “OS MERCADOS”

MOBILIZAR + CONVERXER + CONSTRUÍR

PENSA – ACTÚA – ORGANÍZATE

ECOAR)))

Comparte:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Time limit is exhausted. Please reload the CAPTCHA.