Galicia non castiga a aldraxe medio ambiental

with Non hai comentarios

A sentenza do Prestige, ditada once anos despois da catástrofe, provocou un fondo malestar social ao non achar responsable algún na meirande marea negra do litoral europeo. O ditame recolle uns datos impresionantes: 63.000 toneladas de chapapote vertidas, 2.980 quilómetros de costa afectados e un dano irreparable ao ecosistema mariño. Malia que o xuíz establece que o petroleiro levaba 2.150 toneladas por riba do permitido, non atopa responsabilidades penais por delito medio ambiental e non fixa indemnización algunha.

A falta de culpables no desastre súmase a outras flagrantes catástrofes impunes. En 1996 o vertedoiro do barrio coruñés de Bens quebrou esparexendo 200.000 toneladas de lixo pola ladeira do monte de San Pedro ata chegar ao mar. Os desperdicios sepultaron o poboado de O Portiño, causando a morte dun home. O vertedoiro construírase nos anos setenta para amorear e incinerar residuos e xa sobrepasara o seu límite de capacidade. Dous anos despois do accidente o caso arquivouse sen responsables. A xuíz non estimou imprudencia por parte do concello herculino nin da concesionaria, nin danos medio ambientais. A desfeita evidenciou a falta dun plan de xestión dos residuos urbanos, que hoxe en día segue a ser un problema: a súa sucesora -a planta de reciclaxe e compostaxe de Nostián- está desbordada.

O vertido tóxico no río Umia é outro exemplo de desastre ambiental sen culpables. En 2006 unha explosión na multinacional alemá Brenntag en Caldas de Reis provou unha fuga de substancias químicas que acabou coa fauna nun treito de sete quilómetros. Unha pátina azul tinxiu as súas augas, acabou con peces e anfibios, e puxo en perigo a saúde humana con emanacións tóxicas que cuadruplicaron os niveis máximos. A Fiscalía imputou a tres traballadores da fábrica por imprudencia grave e solicitou unha indemnización próxima aos 10 millóns de euros. Seis anos despois, sentenciouse que a causa fora fortuita polo que os acusados resultaron absoltos e a Xunta percibiu 5,5 millóns de euros tras un acordo extraxudicial coa empresa. Hoxe, a saúde dos nosos ríos está seriamente ameazada por filtracións e vertidos que se producen a diario, sen que apenas se vixíen e sancionen.

Pero as maiores catástrofes que asolan a nosa terra son os incendios. Ano tras ano o lume acaba con miles de hectáreas dos nosos montes. O pasado verán as lapas arrasaron por completo unha das paraxes máis míticas da nosa xeografía, o Monte Pindo: un espazo protexido pola Rede Natura e con máis de 650 especies catalogadas. Foi o incendio máis devastador do ano, que calcinou 2.370 hectáreas. O olimpo celta sucumbiu ás chamas. Outro enclave vital da nosa flora, as Fragas do Eume, tamén foi vítima do lume en 2012: o parque natural, mostra única de bosque atlántico europeo, perdeu 370 hectáreas.

En ningún dos casos deuse cos responsables e as investigacións apuntan a que os lumes non foron intencionados. Os incendiarios seguen a ser o maior perigo medio ambiental en Galicia, contra os que case non se tomaran medidas ata a gran vaga de lumes de agosto de 2006. En quince días producíranse preto de 2.000 focos que calcinaran 80.000 hectáreas. Sete anos despois aínda se seguen a celebrar os xuízos daquela traxedia, que ata o de agora emitiu unha vintena de condenas. As penas contra os pirómanos endurecéronse notablemente pero a orixe do problema reside na falta de xestión sustentable dos nosos montes.

Protexer o medio ambiente supón un importante gasto que as administracións miopes non alcanzan a entender. Se non se castigan estas aldraxes estase a transmitir que contaminar sae gratis, que non ten consecuencias. Desde ECOAR))) faise un chamamento ao respecto e conservación da natureza, pois cada catástrofe fire ao planeta e a nós como parte del.

Comparte:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Time limit is exhausted. Please reload the CAPTCHA.