STOP TLC!
“As persoas e o planeta antes que as transnacionais”
1.- QUE É A CAMPAÑA “STOP TLC!”? |
“Stop TLC!” é unha campaña de ECOAR))) que pretende abordar a problemática derivada da política económica e comercial global actual que se desenvolve a partir da construción de Tratados de Libre Comercio (TLC).
As violacións de dereitos laborais, o esmagamento do pequeno comercio, a destrución dos ecosistemas, a cesión da soberanía ás empresas, o incremento da fenda social ou a comercialización dos datos privados, son só algunhas das cuestións ás que remiten os TLC.
2.- OBXECTIVOS |
“Stop TLC!” nace como unha campaña para:
- Tecer redes globais en torno á loita contra os TLC.
- Informar sobre os TLC e sensibilizar sobre as súas consecuencias.
- Activar ás persoas e ás organizacións para facer fronte ás políticas neoliberais derivadas dos TLC.
- Presionar aos organismos responsables para poder facer fronte aos TLC.
3.- OS TLC: SOBERANÍA PARA AS TRANSNACIONAIS. |
1.- DEFINICIÓN: TLC
Un Tratado de Libre Comercio (TLC) é un acordo entre dous ou máis países que busca establecer normas comúns para regular a relación comercial entre eles. En último termo un TLC busca xerar unha zona de libre comercio entre cada un dos seus compoñentes.
Na actualidade existen diversos TLC, pero se algo predomina é o seu carácter neoliberal, así como a súa vocación de permanencia, permanecendo de xeito continuo no tempo unha vez se aproban.
2.- CONTEXTO E DESAFÍOS
Nos últimos anos asistimos a unha ofensiva que busca liberalizar (aínda máis) o comercio mundial. Independentemente da denominación que asuma cada tratado, os TLC buscan o desprazamento da soberanía cara ás transnacionais independentemente das consecuencias que iso implique (limitación de dereitos, esnaquizamento do medio ambiente, afogo do pequeno comercio…).
Dende os anos 70 levamos vivindo unha progresión a través da cal se vai impoñendo un modelo capitalista máis salvaxe. A desaparición do GATT deu paso á creación da OMC e con ela deuse renda solta ao neoliberalismo e á súa aposta pola creación dun mundo deseñado por e para as transnacionais. Despois das dificultades progresivas coas que se topou a OMC para a aprobación de determinadas medidas de liberalización comercial de carácter global, irase apostando pola creación de acordos bilaterais ou multilaterais comercias entre os estados, os TLC.
O primeiro TLC, recoñecido como tal, aprobouse no 1891 entre Francia e Reino Unido (tamén coñecido como Tratado de Cobden-Chevalier), pero non será ata 1994, coa aprobación do NAFTA (TLC entre México, EEUU e Canadá), que empecen a aparecer este novo tipo de TLC.
Os TLC de “nova xeración”, os actuais (TTIP, TISA, CETA, TPP,…) son acordos amplos de liberalización de comercio e investimentos, que representan un serio perigo para a democracia, a soberanía dos pobos e a debida protección dos dereitos humanos e a natureza, xa que antepón o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral.
Fronte aos TLC artéllase, ao tempo, unha rede global de resposta social, que empeza a tender pontes máis que sólidas entre xs seus integrantes. O 1 de xaneiro de 1994 entraba en vigor o NAFTA e con el nacía o Exército Zapatista de Liberación Nacional para buscar en palabras do subcomandante Marcos “a toma do poder? Non, apenas algo máis difícil: un mundo novo”. E dende ahí, semella que cada paso para liberalizar o comercio global, sexa a través da OMC ou de diversos TLC, leva consigo unha fonda resposta social que, cada día que pasa, é máis complexa. Dende as mobilizacións contra o AMI, pasando pola Batalla de Seattle, Xénova ou as actuais accións contra o TISA, TTIP, TPP ou CETA, o tecido social, dende o local ata o global, ten unha identidade e unha dinámica cada vez máis asentada e axeitada ao novo escenario internacional no que as transnacionais sexan quen marquen as normas de xogo no planeta, e onde as persoas non teñan ningunha soberanía.
3.- CARACTERÍSTICAS
3.1.- DATAS RELEVANTES
1994 | Xan | -Entra en vigor o NAFTA
-Nace o EZLN |
1995 | Xan | -Nace a OMC |
1998 | Out | -Paralización definitiva da aprobación do AMI |
1999 | Nov | -Batalla de Seattle |
2001 | Xul | -Contracumio do G8 (Génova) |
Nov | -Rolda de Doha | |
2005 | Nov | -Paralización do ALCA |
2009 | Mai | -Inicio das negociacións oficiais do CETA. |
2010 | Mar | -Inicio das negociación do TPP |
2013 | Mar | -Inicio das negociacións do TISA. |
Xul | -Inicio das negociacións do TTIP. | |
2014 | Mar | -Consulta en liña contra o ISDS (97% en contra) |
Out | -Xornada de Acción Europea | |
Set | -Remate do texto definitivo do CETA. | |
2015 | Abr | -Xornada de Acción Global |
Xuñ | -Posposición da votación sobre o ISDS no TTIP para que sexa rexeitada pola Eurocámara. | |
Out | -Xornadas Internacionais de Acción
-Conclúen as negociacións do TPP |
|
2016 | Feb | -Asínase o TPP entre fortes protestas antiglobalización. |
Xuñ | -Brexit. O Reino Unido inicia o camiño para saír da UE. | |
Xul | -Comisión Europea propón a sinatura do CETA ao Consello Europeo
-Considérase o CETA un acordo mixto. |
|
Out | -Valonia bloquea a sinatura durante unhas horas o que implica unha forte tensión. | |
2017 | Xan | -A chegada de Trump á presidencia dos EEUU, implica a saída dos EEUU do TPP. |
Feb | -A Eurocámara aproba o CETA. Iníciase o proceso de ratificación en cada estado e parlamento. |
3.2.- CONCEPTOS CLAVE
- ISDS ou Mecanismo de Arbitraxe Investidor-Estado. Este mecanismo establece compensacións económicas dos estados aos investidores cando se reduzan os beneficios presentes e/ou futuros dunha compañía (aínda que isto implique a desprotección de dereitos laborais ou da natureza), sendo as súas decisións firmes, polo que non poderán ser apeladas. Ademais, este proceso de arbitraxe supón uns elevados custos para os estados, derivados das elevadas minutas dos mediadores profesionais internacionais.
- ICS ou Sistema Xudicial de Inversores. É unha reforma do ISDS proposta e aprobada pola Comisión Europea, a través da cal pretende introducirse unha cara máis amable do ISDS, pero que na base non aborda nin modifica as cuestións de calado do ISDS. Os privilexios dos investidores seguirían sendo os mesmos pois, entre outras cuestións, os estados continuarían sen poder demandar ás empresas.
- Organismo de Cooperación Reguladora. Supervisará todos os regulamentos e actos normativos da UE e os seus Estados Membros (incluídos gobernos central e local). Na práctica isto dará acceso directo a que os lobbies empresariais inflúan e modifiquen no seu propio beneficio a lexislación actual e futura. A cooperación reguladora implicaría que calquera iniciativa regulamentaria municipal podería ser cuestionada polas ETN, funcionando como un filtro custo-beneficio e como unha avaliación de impacto comercial, o que na práctica suporía un bloqueo da maioría das normas que se pretendesen establecer (facendo practicamente imposibles, por exemplo, as remunicipalizacións).
Este tratado suporía a mercantilización absoluta das nosas vidas e o sometemento total da soberanía dos estados aos intereses das grandes corporacións.
- TTIP: TLC entre os EEUU e a UE dende xuño de 2013. O TTIP busca eliminar as barreiras arancelarias, liberalizar novos mercados e harmonizar a lexislación entre ambas partes.
- CETA: TLC entre Canadá e a UE que iniciou a súa travesía en 2007, pero que oficilizará o inicio das negociacións en 2009. Considérase ademais dun TLC para os vindeiros que estableza a UE, unha “porta de atrás” para o TTIP. Igual que o TTIP pretende reactivar a ACTA, os regulamentos de contratación pública, as repercusións normas ambientais e de protección ao/á consumidor/a…
- TISA: TLC entre 51 países para liberalizar os servizos entre os estados asinantes. É o máis opaco dos TLC que se coñecen, e probablemente o máis antidemocrático, pois estará por riba de todas as regulacións e normas parlamentarias en prol das grandes transnacionais.
- TPP: TLC asinado entre EEUU, Xapón, Australia, Nova Zelandia, Malaisia, Brunei, Singapur, Vietnam, Canadá, México, Perú e Chile. Iniciou as súas negociacións en 2009. Asinouse en febreiro de 2015. A negativa á ratificación do acordo dado por EEUU coa chegada de Trump, implica a morte práctica do tratado.
- NAFTA: TLC entre EEUU, Canadá e México que foi asinado en 1994. Está considerado o primeiro TLC actual e o que abriu a porta a desenvolver este tipo de acordos na actualidade. Fundamentalmente busca a eliminación das barreiras arancelarias e o incremento dos investimentos entre os países formantes.
- AMI ou Acordo Multilateral de Investimentos. Proxecto que comezou a negociarse en 1995 na OCDE, nunha total opacidade. De aprobarse outorgaría todos os dereitos e poderes ás transnacionais. Incluíase la posibilidade de demandar a un goberno se a empresa consideraba que algunha medida podería atentar contra as súas ganancias presentes ou futuras.
- ALCA. A Área de Libre Comercio das Américas foi un proxecto de TLC que pretendía espallar o NAFTA ao resto do continente americano (a excepción de Cuba), coa fin de eliminar os aranceis e implementar medidas que permitiran ás transnacionais dominar o panorama económico e comercial. As fortes mobilizacións sociais trocaron o camiño inicial das negociacións e soterrárono no ano 2005 en Mar del Plata (Arxentina).
3.3.- NEFASTAS CONSECUENCIAS
- Desaparición da soberanía da cidadanía. Os TLC abren a porta a que as transnacionais constrúan un sistema paralelo que rache co tradicional esquema de poderes, xerando vías paralelas no ámbito privado (ISDS, ICS, Comisión de Cooperación Reguladora…). Establécese un cambio de patrón: a soberanía pasa a mans das transnacionais.
- Falta de Transparencia. En xeral os TLC caracterízanse pola súa opacidade nas negociacións, pois negócianse de costas ás canles e institucións democráticas. Os seus datos soen coñecerse unha vez rematadas as negociacións.
- Sanidade e Educación como negocio. As empresas poderán alegar que os seus beneficios vense afectados pola existencia dun sistema público sanitario ou educativo, que non lles permite gañar tanto.
- Eliminación fulminante de dereitos laborais. Os marcos laborais e de pensións, veranse afectados á baixa posto que no caso de que un país conte cunha lexislación máis laxa, as empresas poderán moverse nesas condicións inferiores. O sistema de pensións pode chegar a verse moi afectado en prol dos sistemas de pensións privados.
- Afección da soberanía alimentaria dos estados. As empresas dos estados que posúan maior tecnoloxía e mellores condicións económicas poderán impoñerse ás dos estados que non teñan esa situación. Iso implicará que co tempo os máis desenvolvidos copen o mercado dos menos desenvolvidos. Ademais permitirá o ingreso dos transxénicos e as carnes hormonadas. Ao tempo pode ser que desaparezan en moitos casos os certificados de orixe, pois calquera pode producir calquera cousa dentro dese espazo.
- Destrución ecolóxica. Amais do uso de transxénicos e carnes hormonadas coas consecuentes danos á saúde e aos ecosistemas, incrementaranse as emisións de CO2, posto que aumentarán as exportacións e importacións, e polo tanto a produción e o consumo de combustibles fósiles.
3.4.- “EN CIFRAS…”
- Existen 250 TLC no mundo.
- 2.283 Tratados de Investimento Bilaterais e 280 Tratados de Investimentos Multilaterais.
- O TTIP implicaría o maior mercado libre entre EEUU e a UE, pois implicaría o 60% do PIB mundial. Pola súa banda o TPP representaría o 40% do PIB mundial e 20% do comercio internacional.
- A aprobación do TPP deixaría a 500 millóns de persoas sen acceso á súa medicación.
- Segundo os gobernos e as Transnacionais, a aprobación do TTIP suporá un incremento de 400.000 postos laborais. Informes independentes chegan ata 1,1 millóns de postos desprazados. Concretamente a Universidade de Tufts, nun informe, indica que a UE perderá 600.000 empregos.
- O NAFTA implicou que México pasase de importar en 1994 unhas 200.000 toneladas de millo, para pasar a importar 6 millóns de toneladas en 2016, e facerse dependente dun cereal que supón o 80% da dieta dos mexicanos e mexicanas.
4.- QUE PENSAMOS…
ECOAR))) aposta pola construción dun mundo no que predominen a solidariedade internacional, a xustiza social, a sustentabilidade ambiental e o respecto de todos os dereitos humanos. Un mundo no que as persoas e o planeta sexan sempre o primeiro. Por isto apostamos por:
- a) 100% Transparencia. Defendemos facer públicos todos os documentos de negociación para permitir un debate público, aberto e crítico.
- b) NON ao ISDS nin mecanismos similares. Cremos firmemente na soberanía das nosas sociedades e dos nosos pobos para a toma de decisións na defensa e mellora do interese público e do ben común por enriba dos intereses privados.
- c) NON á Cooperación Regulatoria. A regulación das operacións comerciais, as condicións do comercio e o establecemento de estándares de produción do produto deben estar sempre en mans dos órganos e procesos controlados democraticamente.
- d) NON ao desregulamento, NON á rebaixa dos estándares de protección. Os estándares deben estar SEMPRE ao servizo do interese público. As normas deben garantir como primeiro punto os dereitos das persoas e o medio ambiente. En ningún caso é aceptable socavar os niveis de protección acordados democraticamente. Hai que garantir que se aplica o principio de precaución.
- e) NON á privatización dos servizos públicos. Apostamos pola atención, uso e acceso universais aos servizos públicos (sanidade, educación…), así como defendemos unha contratación pública que aposte polo emprego e a economía locais, e nas que os grupos minorizados conten con procesos de discriminación positiva.
- f) NON ao control privado das institucións públicas nin do poder político. As normas laborais e ambientais internacionalmente acordadas deben ser respectadas. A violación continua das normas debe ser obxecto de sancións. En calquera caso sempre se deben protexer certos sectores sensíbeis e salvagardar as normas que preservan a nosa calidade de vida. Apostar por un sistema onde a toma de decisións estea democratizado e controlado en todos os niveis.
- g) SI ás prácticas agrícolas sostíbeis e á protección da pequena agricultura familiar.
- h) SI aos dereitos humanos universais e inalienábeis de todas as persoas.
- i) SI a unha economía de baixas emisións de carbono. A economía debe basearse nun uso social e economicamente responsábel dos recursos.
- l) SI ao establecemento de relacións de solidariedade e equidade entre as persoas.
5.- CASOS DE ÉXITO
Dende que se iniciou a campaña “Stop TLC!”, tense acadado:
- A Iniciativa Cidadá Europea contra o TTIP e o CETA pechou con 3.263.920 sinaturas. [out-2015]
- Máis de 2000 cidades europeas son concellos libres de TTIP e CETA. Isto implica a uns 75 millóns de europeos e europeas. [set-2016]
- Millóns de persoas en miles de localidades téñense manifestado nos 5 continentes contra os TLC.
- Consolídase unha rede global contra os TLC na que participan miles de organizacións de diferente perfil (ONG, sindicatos, cooperativas, asociacións…).
6.- DATOS CONTACTO
Correo: comunicacion@ecoarglobal.org
Facebook: Ecoar Global
Youtube: Ecoar Global
[Data última actualización do Dossier: 01/03/17]